INVESTIGACIÓN de O Sil ( Publicación mensual Novembro 1997)

     Qué segredo se agocha baixo os máis de 100 millóns de m3 de auga que afogaron, hai preto de 40 anos, ó pobo de Alberguería. Qué segredo agocha, que extraño magnetismo permite que, catro décadas despois, aquéles que acudían puntualmente á misa de 12 na igrexa na honra da Asunción, ubicada no centro neurálxico daquel próspero val; ou que aquéles, entón cativos, que pataleaban incansables no campo de fútbol (envidia dos pobos colindantes) e que construiran, a base de pico e pala, tódolos veciños a iniciativa do párroco, Eloy Tato Losada, sentan un palpitar brusco no peito con só escoitar o nome de Alberguería. O nome dun pobo pantasma que segue vivo.

ESTE PANTANO QUEDA INAUGURADO'

A. Otero.

     Un día despois de que O Barco celebrara a festa do Cristo moitos veciños de Alberguería, achegáronse ata o embalse de Prada para pedir xustiza e, ó mesmo tempo, clemencia. Corría o ano 1961 e era a data sinalada para que, o daquela xefe do Estado, o caudillo de España, inaugurara, de xeito oficial (na práctica levaba funcionando dende novembro do 58), o salto sobre o río Xares; de que pronunciara as verbas que, anos despois, convertíronse nun significativo resume dunha parte da historia deste pais: "Este pantano queda inaugurado".

     Os veciños de Alberguería, que viron como o seu pobo, as súas propiedades, as súas lembranzas quedaron asolagadas pola auga, querían pedirlle clemencia a Francisco Franco. Unha pancarta, que case nin siquera chegaron a desdoblar, expresaba as súas reivindicacións, o seu lamento.

    Quén sabe si daquela Franco chegou a saber a súa petición, da súa dor. Os mesmos que se encargaran de cumpli-la orde de botalos das súas casas, cumpriron tamén coa obriga de impedir que algún revoltoso empañara o percorrido do Generalísimo e a súa dona, Carmen Polo.

    Reconstrui-los derradeiros intres de Alberguería non é doado. ¿Cómo determinar entre as lembranzas dos afectados a imparcialidade dos feitos?.

    Os supervivintes critican, contando episodios,verdadeiramente escalofriantes, a actitude das forzas de seguridade encargadas de facelos desaloxar as súas casas (algúns deles veciños); tampouco é demasiado alentadora a actitude mantida por outros pobos colindantes ós que a desaparición de Alberguería non parecía importarlles demasiado; parecida sorte corren algunhas autoridades locais que, ó seu entender, non defenderon, coa contundencia que a situación requería, os intereses dos afectados; o dedo tamén apunta a Moncabril por no intentar, co diálogo e a negociación, conxuga-los intereses, a todas luces, contrapostos. Pero entre tódalas versións posibles (prácticamente unha para cada unha das persoas que lle tocou vivir aquel episodio), ¿onde se atopa a verdadeira?.

     Alberguería era para a ambición política hidráulica emprendida polo franquismo nos anos 50 un pequeno escollo fácilmente aplastable pola todopoderosa maquinaria do estado. Qúe importancia tiña para o ben común o destino de 87 veciños dunha, ó fin, pequena aldea aínda que ésta fose entón a máis importante, tanto a nivel poblacional como económico, do Concello de A Veiga. Qué importancia tiña para o ben xeral que se sentiran, dende entón, uns desterrados.

    Pero posiblemente os responsables de todo aquilo non puideron imaxinar, que 40 anos despois os 87 veciños de Alberguería, dese pobo asolagado baixo as augas que o fixeran fértil, convertiríanse en centos, espallados, eso sí, por tódolos rincóns do mundo. E que, como se de Fuenteovejuna se tratara, ían acudir a celebra-la festa da Asunción coa mesma ledicia e ilusión que o fixeran naquela derradeira ocasión, alá polo ano 58.

Pulsando nas fotografías poden verse en grande.

O meu máximo recoñecemento a publicación mensual O sil do Barco de Valdeorras a quen se debe íntegramente este traballo.

Vovel a la página "O encoro do Umia" Saír