O Barco e a Terra de Valdeorras
durante a II República e o Franquismo. (1931-1977).
Félix García Yáñez
A historia do pobo de Alberguería na
súa loita en contra do encoro de Prada. Páxina 556 e seguintes no libro citado.
".... Na cerna da visita de Franco para
inaugurar o Salto de Prada encóntrase, previamente, o proceso de
expropiación das propiedades campesiñas da aldea de Alberguería, situada
no que había ser futuro encoro construido sobre o curso do río
Xares, a favor da empresa Hidroeléctrica de Moncabril S.A. (114). Foi un proceso
inscrito na legalidade franquista, con mecanismos xurídico-políticos ao
servizo da grande empresa e determinado polas necesidades de acumulación
de capital.
Pobo de Alberguería, do que está a falar o texto,
sin dudalo o pobo máis bonito e máis próspero da comarca de
A Veiga. Hoxe asolagado polo encoro de Prada (A fotografía foi posta no texto polo
webmaster da www, Secundino Lorenzo.)
Para o aproveitamento
hidroeléctrico da conca dos ríos Xares e Bibei a comenzos dos
cincuenta interesáranse, coa presentación de proxectos, varios
particulares. Entre eles figuraba Saltos del Sil S.A., Hidroeléctrica de
Moncabril S.A., , e Marcelino Suárez, do Barco. Este último coa
intención, unha práctica moi usada na época, de revender a concesión (115). O goberno
concédelle en marzo de 1955 a Moncabril a explotación integral do río
Xares dende o seu nacemento ata a súa confluencia co regueiro de Riomao.
O resto dos dous cursos asígnallos a Saltos del Sil.
O proxecto do encoro de
Prada, dentro da concesión de Moncabril, presentárono en 1947. A súa
realización condicionábase a seis anos e a explotación sería por un
plazo de 99 anos, revertendo ao estado nesa data. Tocante ás
características técnicas xerais, estaba previsto que tivese unha
capacidade de encoramento de 122 millóns de m3 de auga, mediante
a construción dun muro de 85 metros de altura. O desnivel do salto sería
de 320 metros, cun caudal máximo de 24 m3 por segundo, para producir
anualmente 156 millóns de quilovatios. A posta en funcionamento foi en
novembro de 1958 (116).
Logo de rematar esta obra Moncabril valorou acometer unha segunda no
curso superior do río Xares á altura de Corzos.
Pobo de Alberguería no ano 1959 a punto de ser
tragado polo encoro de Prada; este é o pobo do que está a falar o texto. (A fotografía foi
posta no texto polo webmaster da www.)
A construción do salto
hidroeléctrico de Prada carrexou que a aldea de Alberguería desaparecese
totalmente debaixo das augas o 9 de maio de 1959. Era un dos 29 núcleos
de poboación que formaban parte do termo municipal da Veiga. Este
municipio coas súas 29.109 hectáreas é o máis extenso da provincia e
atópase nunha altitude media que pasa dos 1000 metros. Ademáis este
Concello era pola mitade dos anos cincuenta un dos 33 da provincia de
Ourense que dende os poderes provinciais, o Goberno Civil e a
Diputación, estaba considerado como dos máis atrasados en canto a
dispoñer dunha rede de enerxía eléctrica para o consumo. A súa capital,
a localidade da Veiga, non dispuña en xullo do 1958 nin de electricidade
nin de teléfono. Porén, dentro do Concello da Veiga dábase ao tempo o
paradoxo de ter electricidade. A Alberguería ao dispoñer dunha pequena
fabrica de luz, que o veciño Amancio Prada Barrio instalara
transformando un pequeno muíño. Esta fábrica acabou abastecendo ademáis
os veciños da aldea, unha pequena planta de gaseosas e as aldeas
estremeiras, entre elas a de Prada e máis a de Meda.
Na fotografía vese, xunto a pasarela do río Xares,
o muiño onde estaba situada a minicentral de Amancio Prada que deu luz a
Alberguería e outros pobos da zona. Un poco máis abaixo fíxose a presa, da que está a falar o
texto. (A fotografía e este comentario foi posto no texto polo webmaster da www.)
A Alberguería compoñíana uns
350 habitantes agrupados en 100 familias, que combinaban unha
agricultura de autoconsumo coa ganadería de montaña, e que representaba
ao redor do 10% do censo do municipio. Ademáis estaba considerada como a
aldea máis próspera do termo municipal por mor do seu emprazamento na
ribeira do Xares. Por outra banda, era a aldea do concello que estaba
situada a menor altitude, o que posibilitaba unha maior diversificación
do policultivo agrícola.
Alberguería, efectivamente, estaba
situado nun lugar de privilexio o máis baixo en altitude da
comarca da A Veiga, xusto a esquerda da
fotografía, na que se ve a isla de Preboubo e un val
sensacional. Neste val, abrigado do norte, dábase de todo,
un auténtico paraiso na montaña (Comentario e fotografía posta polo webmaster
da www)
Coa finalización das
obras do encoro a totalidade das familias tiveron que emigrar por
completo. Algunhas instaláronse provisionalmente nas aldeas da contorna
onde dispoñían da axuda dalgún familiar. Mais a maioría acabaron
estabelecéndose nos concellos do Barco e da Rúa, ou formando parte da
diáspora migratoria cara ás zonas urbanas españolas -Vigo, Bilbao ou
Barcelona- así como da emigración europea ou transoceánica: Arxentina,
Brasil ou Cuba.
Veciños de Alberguería reunidos
o 15 de agosto do ano 2005 celebrando a súa festa da
Virxen en Buenos Aires. (Foto aportada polo webmaster da
www)
Por mor do seu
illamento e pola carencia dunha oposición articulada políticamente-esta
estaba daquela no exilio ou na cadea- as condicións do espolio
cinguíronse á legalidade da ditadura.
Veciños de Alberguería reunidos o
15 de agosto do ano 2005 celebrando a súa festa da Virxen a
pé de presa en Prada (Ourense). O Concello de A Veiga, este
ano 2005, non deu nin a hora para este evento (outros anos
daba 150 €), hai alcaldes de alcaldes...(Foto e comentarios
aportados polo webmaster da www)
Durante o proceso non se
propuxo a reinstalación da aldea nos arredores mediante a creación dun
novo poboado para as familias interesadas, maila que estas desexaban
quedar nas proximidades da terra asolagada. Nun primeiro momento, no ano
1957, ofrecéronlle trasladar a aldea a unhas terras chamadas o Campo da
Gonza (117), na Serra
de San Lourenzo, que tiña unha extensión de 570 hectáreas. O Xornal a
Región de Ourense, vehículo e voceiro dos intereses da empresa, chegou a
publicar que esta indemnizaba con oito hectáreas de terreo, casa e axuda
os que tivesen que abandonar a aldea. E que se facía cargo dos gastos de
traslado.
Este lugar estaba a uns 20
quilómetros de Alberguería , eran uns terreos lindeiros coa aldea de
Penouta do municipio de Viana do Bolo e situados a unha altitude superior
os 1000 metros. Foi ese último factor, co de teren que romper por
primeira vez a terra, o que decidiu o rexeitamento da oferta tomada polo
concello da Alberguería. Eran conscientes de que a localización ofrecida
imposibilitaba seguiren coas súas formas tradicionais de subsistencia
agraria.
Posteriormente ofrecéronlles
aos afectados polo desaloxo o seu asentamento nas novas terras
dispoñibles na Lagoa de Antela, que estaba en proceso de desecamento.
Ante esta oferta unha comisión de veciños encabezada por Marcos Murias
Feliz, o seu párroco naquela altura,, desprazouse ao lugar asignado para
velo, estudalo e informar sobre as súas condicións de cultivo. A
información achegada por esa expedición significou o rexeitamento dos
veciños a esta segunda alternativa. As razóns eran que as terras que
lles ofrecian mediante un sistema de colonias, por un determinado número
de anos, non supoñía o acceso a plena propiedade. Estaba, igualmente,
tamén a necesidade de poñeren en cultivo por primeira vez o solo ofertado,
nun momento en que "romper" terra a primeira vez requería un gran
traballo persoal ao dispoñeren soamente de ferramentas tradicionais e
non contaren cunha maquinaria agrícola mecanizada. Por último, os
terreos da Lagoa de Antela estaban condicionados igualmente, dende o
Ministerio de Agricultura, á planificación estatal e destinados á
produción en monocultivo de pataca, que tamén poñía en cuestión ao
tradicional policultivo de subsistencia s afectados: "...cando foi que
quixeron trasladar a aldea, daban unha cantidade de terreo e a xente non
qixo porque tiñan unhas condicións que o día de mañá non se podía
herdar, entón a xente rexeitouno" (118).
Fotografía, penso que na Terra Cha en
Lugo a onde tamén pretenderon levar o pobo de Alberguería
entre outros lugares. (Comentario e fotografía aportada polo
autor da www).
Ao non aceptaren os veciños
a súa localización na terra da Limia desmontouse pedra por pedra, a
instancias do bispado de Astorga, a igrexa parroquial. Reconstruírona na
aldea da Veiga de Cascallá, no concello de Rubiá, a máis de 40
quilómetros de distancia, no otro extremo de Valdeorras. Trasladaron asi
mesmo os restos do cemiterio ata os da aldea veciña de Prada.
Posteriormente construíuse un cemiterio que foi a primeira obra
executada por Moncabril que afectaba directamente os intereses máis
inmediatos dos veciños de Alberguería. Para isto o Concello da Veiga,
previamente en maio de 1955 aprobou e supervisou a realización dun novo
máis amplio que servise para aloxar os restos dos veciños das dúas
parroquias lindeiras, Prada e Alberguería.
Iglesia de Alberguería trasladada pedra a
pedra a Vega de Cascallá, pero moi mal xa que desapareceu case todo. (Comentario e
fotografía engandida polo autor da www, non polo historiador).
No desaloxo final dos
veciños recorreron ao método expeditivo da "expropiación pola forza"
articulado mediante a disposición de declararen previamente a obra
hidráulica como de "interese nacional". A valoración das propiedades que
isto comportaba foi posta en cuestión constantemente polos afectados. Os
organismos do réxime non puideron pasar por alto o descontento veciñal
que a expropiación producía
"...los reunidos
estiman oportuno recoger del representante de la Hermandad de La
Veiga, Luis R. Fariñas, la urgencia que formula en el sentido de que
se gestione ante los organismos competentes, para que estos a
su vez lo hagan llegar a las empresas interesadas, que cuando se
trate de proceder a la fijación de las indemnizaciones que pudieran
corresponder a los labradores afectados por las inundaciones de los
embalses de agua, en aquellas zonas a donde se producen, se señalen
estimando el valor contractual de las fincas o predios afectados por
la expropiación, solicitando informe actualizado de valoraciones a
las jefaturas agronómicas y hermandades respectivas, toda vez que
viene sucediendo el que las indemnizaciones que se ofrecen por
alguna empresa expropiante están estimadas en valoraciones a precios
que regían hace algunos años, por lo que resulta un indudable
perjuicio económico para los expropiados, que vienen a ser los
propios labradores, ya que el valor de la fiscalidad ha aumentado
notoriamente desde que se han hecho las primeras valoraciones y los
que actualmente corresponden que son los que en justicia deben
considerarse para efectos de indemnización" (119).
Neste mapa, bordeado de azul, foron os
terreos que colleu o encoro, pero fora deles os veciños de
Alberguería tiñan moitas máis terras que non lle pagaron ( Texto
e mapa aportados polo autor da www)
Malia haber unha pequena
parte dos veciños que se conformaron co prezo pagado, foi xeral a
repulsa a non valoraren nin taxaren as terras de labor que non estaban
dentro do perímetro da zona inundada e que igualmente se viron
imposibilitadas de traballar. Unha parte importante do solo rústico, do
que se chegaron a expropiar máis de 3.000 leiras (120), quedou illado
nas beiras do encoro impedido o seu doado acceso, ben asolagando as
augas os camiños, ou ben facendoo extremadamente penoso. Na mesma
situación estaba tamén unha parte das propiedades comunais da Parroquia,
que ante o seu abandono pasaron a ser aproveitadas aos poucos veciños
das aldeas lindeiras.
Estas leiras foron as que pagaron e para
eso mal. As leiras poden verse en grande noutro lugar da www.
(Texto e plano postos polo autor da www).
O encoro asolagou moitas terras, pero
quedaron foran moitísimas que non foron abonadas nunca. E así
como o conta o historiador Félix Garcia Yáñez. Foi unha
auténtica vergoña e un timo, as autoridades, en xeral, laváronse
as mans, como Pilatos.... (O texto e o mapa está posto polo
autor da www)
Por outra banda houbo unha
maioría de veciños que non aceptaron a valoración proposta para as súas
propiedades urbanas. Durante o proceso de expropiación houbo 80
afectados que reixeitaron a oferta da ampresa sobre 197 dos seus
predios, rústicos e urbanos. Ante esta situación para pechar o prazo a
empresa Moncabril recorreu a un organismo creado pola Lei de
Expropiación Forzosa de 1954, o Xurado Provincial de Expropiación (121). Este organismo
provincial compoñíano: un maxistrado da Audiencia Provincial, un avogado
do Estado; un inxeñeiro de montes; un representante da cámara Provincial
Agraria; e máis un notario. Todos eran designados dende o Goberno Civil.
Era un dos múltiples
organismos estatais que participaba, por causa da súa composición e
extración social. da mentalidade política e de clase da ditadura. Así
este xurado excluía expresamente a representación dos afectados, ou os
seus representantes, e poñía os intereses das partes en conflito ao
arbitrio deses técnicos estatais. Uns técnicos que pola procedencia
sociolóxica, alto funcionario urbano, ideolóxicamente decantábanse de
xeito doado polos intereses das empresas. (122).
A verdade, está clara e dedúcese do
texto, foi un completo e indeseable proceso que suposo unha
aldraxe impresentable. Realmente para chorar o que lles
pasou os meus amigos de Alberguería. (O texto debaixo da
fotografía é do autor da www; a fotografía é do Diario O Sil
do Barco)
O Xurado de Expropiacións, no
remate do proceso acordou como resolución final, un prezo xusto de
rigurosa obediencia polos expropiados e pola empresa Monabril S.A.
En conxunto o prezo xusto
acordado andaba polas 3.266.151 pesetas para o conxunto das 193 terras e
casas, un pouco por riba do ofrecido pola empresa Moncabril que ofrecera
pagar ao redor dos valores catastrais. Uns prezos xustos que ían dende
as 1.512 pesetas por unha terra de Rogelio Primo ata as 147.282 pesetas
que cobrou Álvaro Álvarez por outra.
A non aceptación do prezo
xusto só podía ser impugnada cunha sentenza en firme da Administración
de Xustiza. Houbo varios afectados que recorreron. Entre eles Clemente
Sierra Brasa, grande propietario agrario na Terra do Bolo, e residente
na Casa Grande de San Miguel de Outeiro, de Vilamartín de Valdeorras.
Este preiteou durante varios anos, contra o prezo xusto asignado os seus
19 predios e dúas casas expropiadas. A fin, logo de pasar por diversos
tribunais, unha sentencia do Tribunal Supremo en 1960 pecha o preito
dándolle a razón á empresa Moncabril no prezo asignado pola Comisíón
Provincial de Expropiacións. Tamén recorreu a Xustiza Amancio Prada
Barrio para manter os dereitos da súa pequena fábrica de luz, que nun
principio non foron respectados. Após máis de catro anos de pleitos
Moncabril tuvo que asumir a sentencia do Supremo que recollía os dereitos da
empresa eléctrica de Alberguería como distribuidora eléctrica dunha
parte importante do Concello da Veiga e outros estremeiros. Esta empresa
coa merca de enerxía a FENOSA, seguíu suministrando en exclusiva a
electricidade as aldeas do municipio que a foron instalando: A Veiga,
Prada, Meda, Vilaboa, Candeda, Corexido, Castromao, Carracedo, Casdenodres,
Lamalonga, Curra, Valdín e Corzos.
Houbo, á parte, dúas
familias que se opuxeron dende o principio a aceptaren calquera acordo
que supuxese o desaloxo e resistiron nas súas casas todo o tempo que
puideron. Aos veciños que se negaban a marchar déronlles un último prazo
de dous meses para abandonaren a aldea antes de comenzar a inundala.
Antes utilizáranse os servicios coactivos da Garda Civil, que estaba
establecida cunha casa cuartel na localidade
"...referente a saír da
aldea, pois aí foi un desastre; a maioría da xente foi saíndo como
puido; foron comprando nun sitio, foron comprando noutro; acórdome
como se fose hoxe, que estaba traballando e a mañá a Garda civil alí:
"es que tiene que dejar esto" (...). Tamén botaron a xente a
mocazos; houbo xente razagada que quixo saír, había un que agora
está en Vigo que chegou o encoro case ata súa porta da casa;
tivo que saír en barca. (...) xa che digo que fixeron saír de
hoxe para mañá; encontrar as cousas, e tivese ou non tivese onde ir,
e marchamos para unha aldea que se chama Fornelos, que tiñamos alí
familia, e logo para a Pobra de Sanabria, e despois para aquí (O
Barco) (123).
Fotografía posta no texto polo autor da www.
O desaloxo foi un constante goteo
dende o comenzo das obras. Estas duraron cinco anos e realizounas a
empresa contratada por Moncabril, "Tierras y Hormigones S.A.", que
entorpeceu mediante os seus traballos, a vida cotiá e produtiva da
aldea.
Fotografía posta neste traballo polo
autor da www e que penso que ilustra o texto.
A partir do remate do muro de
contención do pantano a aldea foixe cubrindo paulatinamente polas augas
do río Xares ata que en maio do 1959 desapareceu totalmente o derradeiro
vestixio somerxido.
Outra imaxen de Alberguería posta polo autor
da www e que penso axuda a entender o texto do historiador Félix
García Yáñez, por certo marabilloso e o que lle dou as grazas no
meu nome e no nome de todos os veciños de Alberguería que indan
viven. Moitas grazas.
O sentimento de perda
afectiva e de expolio que os veciños interiorizaron exprésao Manuela
Estévez Paradelo, unha das persoas emigradas a Bos Aires
Na fotografía vese como quedou o encoro,
xusto despois desa isla que se ve, a isla de Preboubo,
estaba Alberguería. A dereita abaixo vese a Manuela Estévez
e as súas irmáns Temita e Sexa que están actualmente en Bos
Aires. A Manuela (para mín Lily) débese no 99,99 % o
que esta páxina www nacera. Esta fotografía é unha
dedicatoria que lle fago como webmaster na www. Por suposto
o texto e a fotografía non son do historiador.
"...pagaron sólo lo que quedó bajo
las aguas y a valores irrisorios y que ellos fijaron
arbitrariamente, fue como una limosna y todo lo que quedó fuera del
embalse: tierras, touzas, bouzas, castaños, viñedos y otros, no
pagaron ni un céntimo. Es decir, que prácticamente nos echaron sin
nada y cada vecino tuvo que ir deambulando por donde pudo, al amparo
y con la ayuda de otros familiares o amigos, unos dentro de España y
otros en el extranjero. Las injusticias que se cometieron con la
gente de Alberguería, lamentablemente fueron avaladas por
autoridades del Ayuntamiento de La Vega, que fue comprado por
Moncabril y utilizaron sus influencias contra el pueblo de la
Alberguería. La única persona con condiciones y preparación para
poder defender al pueblo y que de echo lo defendió, era el cura don
Eleodoro, que por esa razón, hicieron para que fuera trasladado a
otro destino para ejercer el sacerdocio y así sacado del medio para
que no les estorbase" (124).
A lembranza do papel
desempeñado polos cregos don Eleodoro e mais don Marcos Murias Feliz (125) na defensa dos seus fregueses e recorrente en todos os veciños
desaloxados. Estes puxéronse sempre da parte dos veciños e asumiron
conscientemente as consecuencias das súas decisións. Unhas consecuencias
que na época acababan reportando, como máxima represalia, o traslado por
decisión do bispo de Astorga a outra parroquia da diocese. Compre non
esquecer tampouco que en pleno apoxeo do réxime, a Igrexa que
participara activamente na súa implantación e consolidación, era a única
institución á que lle estaba permitida unha leve crítica das decisións
políticas. Porén, os reproches son continuos cara o papel desempeñado
polos homes que exerceron o poder municipal.
As vías de comunicación entre os
pobos quedaron completamente trastocadas, foi unha desfeita
total. (Fotografía e comentario do autor da www.)
Os homes que dirixian o
Concello da Veiga non apoiaron ningunha medida que puidese beneficiar
os veciños de Alberguería. Estes soamente reclamaron perante a empresa
certos acordos parciais que suscribiran con ela e que esta se retrasaba
en executar. É o caso da pouca dilixencia en instalar a luz na propia
cabeceira do concello: "...solicítase que se lle adiante á empresa
Moncabril a obriga que no seu día han de ter que cumprir de subministrar
fluído eléctrico á capitalidade do concello" (126)
Ponte da Veiga, do pouco que se
fixo na zona que non fora a cargo do estado. Realmente para
chorar. (Comentario do webmaster da www, fotografía cedida
polo diario O Sil do Barco)
Por outra banda o Estado impoñía,
no decreto de concesión para a construción do encoro, a obriga de
restablecer todas as vías de comunicación que resultasen afectadas, así
como os camiños e servidumes legais. E tamén os servicios municipais,
igrexas, cemiterios, escolas, etc. que quedasen inutilizados polas
obras.
O Concello en principio tamén
lembrou á empresa estas condicións, que conscientemente eran esquecidas.
A práctica empresarial baseábase en prescindir de todo gasto que non
estivese ligado directamente á obra. Ante esta actitude o Concello
tranfiriu as reclamacións polos estragos causados neses bens á
administración estatal. Deste xeito acabáronse de realizar á conta do
orzamento público ós últimos tramos da ansiada estrada que comunicaba o
Barco con Viana polo municipio da Veiga. En novembro de 1957 o pleno
municipal recollía na acta que
"...seguidamente
el Sr. Alcalde-Presidente expuso con motivo de los Saltos de Prada
en este municipio, construidos por la Sociedad Hidroeléctrica
Moncabril S.A. queda inundado el camino rural que desde el pueblo de
dicho Prada conduce a esta plaza, inundación que según informes de
la citada sociedad ha de ser llevada a cabo dentro del próximo año
1958 por lo que era de suma urgencia interesar a los Poderes
Públicos la tramitación de la carretera del Estado denominada
"Puente de San Fernando a Viana del Bollo" por esta localidad en sus
trozos 4º y 5º" (127).
Cemiterio de Prada. Aquí están
enterrados algúns veciños de Alberguería. O traslado foi de
Xuzgado de Garda, terrible. (Comentarios e fotografía do
autor da www)
Nin siquera tentando desviar
as responsabilidades e compromisos da empresa cara o estado consiguio o
municipio que aquela o escoitase. Así, setes meses máis tarde o Concello
acorda remitir queixa formal ante o gobernador pola práctica empresarial
que se negaba a subtituir a ponte e a estrada da Alberguería.
"...que como es sabido de la Corporación y del dominio público por
la Sociedad Moncabril S.A. se ha llevado a cabo el cierre de la
presa de Prada, del salto de Prada, dejando bajo las aguas el puente
municipal denominado de la Alberguería, nucleo de comunicaciones de
este ayuntamiento con los límites de Petín y Barco de Valdeorras,
paso obligado de todos los vecinos de Prada, Riomao, Corejido,
pertenecientes a este municipio, así como a otros núcleos que tienen
sus propiedades, en distintos márgenes del río Jares y término
municipal del Bollo" (128).
Na fotografía a ponte a que fai
referencia a acta do Concello. A verdade é que a protesta
foi unha tomadura de pelo para a xente da Veiga, e non
digamos para a xente de Alberguería como podedes comprobar
no texto que sigue. (A fotografía e este texto foron
introducidos polo autor da www).
O gobernador civil, Jose Maria Quiroga de
Abarca, ante a fasquía que tomaba o problema planifica unha viaxe
oficial ao concello para escoitar persoalmente as queixas veciñais.
Fíxase a data da visita para o 28 de xuño e cando a vila da Veiga
"engalanara as rúas para recibilio cariñosamente" preséntase no canto
del un delegado gobernativo que desculpa a ausencia deste por ter que se
trasladar urxentemente á Coruña.
Fotografía do gobernador, é o que extende
a man, que por certo non asistiu a Veiga e mandou un
delegado. Unha auténtica risa. A historia pon a cada quen no
seu lugar, e a do Alcalde de A Veiga dende logo. (Comentario
do autor da www, fotografía do historiador, que está sacada
no Barco e non se corresponde co acto do que se fala)
O delegado reúnese coa corporación
municipal e con mebros das "forzas vivas" do concello para tratar a
"preocupación veciñal polo encoro de Prada". Expóñenlle a problemática
da incomunicación das aldeas que a obra propiciaba e lémbralle que
"...otro gran problema es la
desvalorización de los capitales, ya que al coger el pantano los
mejores terrenos, muchos vecinos no podrán vivir en estas zonas, ni
tampoco marchar porque el capital que reciben no es suficiente para
desplazarse quedando algunos en lastimosa situación. Después de oir
las manifestaciones de algunos interesados, así como de vecinos del
mismo Alberguería, especialmente de D. Raimundo, que expuso el
problema social que se creaba en esta comarca y de Antonio Yañez que
en brillante alocución recalcó el interés que autoridades y público
debían tomar para dar solución a este asunto de vital importancia,
el delegado gobernativo dio palabra de trasmitir a nuestra primera
autoridad la impresión recibida y tratar de dar solución lo más
favorable para todos..." (129)
Por estas pequeñas reclamaciones,
efectuadas pola corporación municipal á empresa e ao gobernador civil,
no día da inauguración oficial por Franco do encoro de Prada o alcalde
da Veiga foi excluido dos lugares preferentes de recibimiento.
Fotografía do acto de inauguración. A
dereita de Dª Carmen Polo esta o Gobernador civil de Ourense,
que por suposto si veu a este acto, inda que non a falar co
Concello de A Veiga polos problemas coa xente de Alberguería. O
alcalde de A Veiga foi relegado deste acto. (Comentario do
webmaster da páxina , fotografía do Diario O Sil do Barco).
O seu posto ocupouno,
por decisión do Gobernador Civil, o alcalde de Viana do Bolo, Manuel
Pérez Puga. Ademais asistiron a este acto, entre outras personalidades
da ditadura, o presidente do Instituto Nacional de Industria (INI) Juan
Antonio Suanzes, daquela xa o auténtico propietario do Salto; o
presidente do Concello de administración de Hidroeléctrica de Moncabril;
e máis o prelado de Astorga, Marcelo González Martín
(130),
que bendiciu a obra.
------------------------------------------------------------------------------------
Ata aquí o texto sensacional do
historiador Félix García Yañez. que aparece no libro xa citado.
É interesante aclarar as notas que
aparecen no texto. Algunhas moi curiosas.
(114) Hidroeléctrica Moncabril,
empresa constituida no ano 1946, cun capital de 25 millóns e que naceu
para aproveitar a conca do Tera .......
(115) Xa en 1928 lle deran a
Marcelino Suárez, a concesión administrativa para aproveitar 3000
litros/s do río Xares na Alberguería.
(116) Hidroeléctrica Moncabril S.A.
Memoria del año 1968.
(117) Posteriormente o Ministerio
de Agricultura concédelle á Caixa de Aforros Provincial dúas parcelas de
40 e 90 Ha para dedicalas o monocultivo da pataca....
(118) Entrevista a Celso Rodriguez.
Abril do 2002.
(119) AHPROU Acta da xuntanza de
xefes e secretarios das Irmandades sindicais de Labradores e
Gandeiros da comarca do 25 octubro do 1956.
(120) Os propietarios delas eran
maioritariamente da Alberguería, máis tamén lles afectuo a veciños dos
nucleos de Candeda, Casdenodres, Castromao, Prada, Corexido, Vilamartín
de Valdeorras, a Rúa, Viana do Bolo, Corzos, Valdanta, Cambela, Paradela,
Larouco, O Bolo, Vilaboa, Baños, Meda, Santa Cristina, Castromarigo, A
Veiga e Prado.
(121) Lei de Expropiación Forzosa do
16 de decembro de 1954. Art 32 et seq.
(122) A substitución da
confrontación de intereses polar solucións achegadas polos "técnicos"
estatais foi o achado ideolóixico máis
duradeiro do franquismo
no ámbito da cultura política, entre outras cousas porque devolveu a "imparcialidade"
ao control das elites, co que impidiu calquera espectativa de
intervención nos asuntos sociais das clases populares.
(123)
Entrevista a Celso Rodriguez abril do 2002
(124)
Lembranzas de Manuela Estévez Paradelo en
https://www.albergueria.es/
(125) A Marcos
Murias logo do seu paso por Alberguería asignáronlle a parroquia de San
Xoán de Barrio, nas Terras de Trives.
(126) (127) e
(128) Libro de actas de Plenos do Concello de A Veiga.
(129) La
región, dous de xullo de 1958.
(130) Marcos
González Martín, daquela bispo de Astorga foi dos xerarcas máis
importantes da Igrexa española dos derradeiros anos do
franquismo...xubilouse en 1995.
En memoria de todos os veciños do
pobo de Alberguería que tuveron que abandonar este lugar
(entre 1955-1960) e que foron tan inxustamente
tratados.
(A fotografía e o comentario é do
autor da www, Secundino Lorenzo.)
Saír
|