Da-las gracias a Félix García Yáñez polo seu sensacional libro publicado por Edicións A Nosa Terra. Ano 2005.

O Barco e a Terra de Valdeorras durante a II República e o Franquismo. (1931-1977).

Félix García Yáñez 

 

A inauguración de Franco do encoro de Prada o día 15 de setembro do ano 1961. A súa historia según o libro citado.

 

Este foi a viaxe que fixo Franco aquel día (está marcado con puntiños). Pola mañán estuvo no Carballiño e pola tarde, como se ve no mapa, foi  primeiro ata os Peares, logo volveu a Ourense e pasando por Castro Caldelas e Trives  ata Alberguería, onde chegou sobre as 18:00 horas. Logo, pola nova estrada, baixou ata o Barco por Santiagoso e Viloira,  onde pasou algo certamente de risa. (Este texto é do webmaster da www, como aclaración o que sigue)  Ver o dibuxo en grande.

No que sigue poño o pe da letra o texto do libro citado:

    ...A única estadía de Franco na bisbarra e por poucas horas produciuse durante a visita oficial a Ourense en setembro de 1961. Iníciase o planificado percorrido provincial o día 15 procedente de Vigo. A súa presenza ha servir para resaltar a obra do réxime mediante diversas inauguracións. Pola mañá inaugura no Carballiño a Residencia de Educación e Descanso "Xeneral Moscardó" e máis unha piscifactoría no río Arenteiro. En Ourense inaugura o edificio da Escola Normal de Maxisterio, no barrio da Ponte, e a seguir recíbeno no Goberno Civil todas as xerarquías provinciais: o gobernador, os alcaldes dos 93 concellos da provincia coas súas corporacións; os cabidos das irmandades de Labradores e Gandeiros e representantes do mundo empresarial.

   Durante o transcurso do día, ademáis, achégase a varias centrais hidroeléctricas en diversos lugares da provincia. Franco inaugura ás 15:15 horas o salto de San Pedro, da empresa Saltos del Sil, nos Peares. Aquí foi recibido polas autoridades locais e provinciais, así como polo consello directivo da hidroeléctrica . Entre eles por Julián Trincado (108) daquela subdirector da empresa.

A fotografía non aparece no libro citado. A dereita de Dª Carmen Polo está o Gobernador de Ourense Jose María Quiroga de Abarca. Foi cedida polo Diario O Sil para esta páxina www.

   As 18:00, tras dúas horas de viaxe inaugura a presa e central de Prada, na Veiga, propiedade da Hidroeléctrica de Moncabril

A fotografía non aparece no libro citado. Foi cedida polo Diario O Sil para esta páxina www.

 

A fotografía non aparece no libro citado, está sacada do NODO que reproduce aquel evento.

Finalmente as 19:30, en dez minutos, inaugura a presa de Penarrubia, da empresa Nacional de Electricidade (ENDESA), en Quereño, Rubiá, para a continuación seguir viaxe cara a Madrid con dirección a Ponferrada (109).

   A organización da visita oficial encomendáranlla ao gobernador civil da provincia, José María Quiroga de Abarca, tanto no referente as inauguracións, actos e homenaxes que ían realizar como no tocante o percorrido e á seguridade persoal do Caudillo e do seu séquito. Primeiro barallaron dúas propostas de itinerario, desbotando a que parecía permanecer máis tempo Franco na Provincia.

Na fotografía está Jose María Quiroga de Abarca o gobernador de Ourense, é o que extende a man. Un home moi curioso, cunha historia moi particular, pero que se lavou as mans no timo das terras de Alberguería. (Comentario do webmaster)

  O aspecto máis estudiado polas autoridades provinciais foron as medidas que compría tomar para garantir a seguridade, Desprazáronse a provincia a 1ª e a 2ª compañía da 81 bandeira da Policia Armada e contaban, ademáis, con todos os membros da Garda civil provincial e máis efectivos da Garda de Franco e do Exército. Ao tempo era unha práctica cotiá neste casos intensificaren o control dos considerados como "desafectos ao réximen". Para iso a Garda Civil aumentou os rexistros domiciliares cos que lles recomendaba a estes non saíren da casa nestas fechas. (110)

Na fotografía, sacada do NODO, vese o recibimento en Prada de Francisco Franco e o seu séquito (Comentario do webmaster).

 

   Xunto as medidas de seguridade que todo viaxe de Franco levaba implícitas, os gobernadores civis eran conscientes de se xogaren o posto en función do grao de fervor popular que poidesen mobilizar. Para isto utilizaban os mecanismos da dictadura encarreirados a ofrecer unha explosión de adhesións o máis grande posible. Mobilizábase en primeiro lugar a Falanxe, que a partir dos anos cincuenta se tranformara na necesaria "claque" do réxime para actos deste tipo; os funcionarios públicos; e máis os obreiros industriais aos que lles daban unhas horas de permiso coa condición de acudiren as concentracións por onde pasaba o dictador. Co mesmo fin tamén os mestres mobilizaban os escolares, aos que lles entregaban unhas bandeiriñas de España para dar máis cor.

   Durante o treito da viaxe de Prada ao salto de Penarrubia, o seu paso polo barrio de Viloira, no Barco de Valdeorras, tiñan programada unha merenda nos xardíns da Casa Grande dos Quiroga, pagada pola corporación barquense. Esa era unha das  paradas do percorrido que barallara o gobernador, familiar dos propietarios do Pazo. Mais, ou ben este non comunicara coa suficiente antelación que esta parada ficaba anulada ou ben houbo un cambio de plans durante a tortuosa baixada de Prada. Carmen Polo, muller de Franco, seica non quixo perder máis tempo. O caso é que o pasar a comitiva de Franco por Viloira abalanzouse, levado polo entusiasmo, sobre o coche en que viaxaba para abrirlle a porta o confeiteiro Antonio Lago, que vestía uniforme da Falanxe. Ràpidamente varios membros da Garda de Franco desenfundaron as súas pistolas e ó máis próximo ao incidente mandoulle un culetazo de mosquetón na cara que fixo caer a terra o entusiasta franquista. A comitiva seguiu o seu percorrido sen acelerar a marcha.

   Como colofón a toda a visita do Caudillo o día seguinte os xornais provinciais resumían o acontecemento. La Región mediante a máis encendida prosa lembraba de paso o dereito de conquista do ditador, produto da guerra civil

   "...a lo largo de las carreteras que festonean la más abrupta geografía provincial. Por doquier el vítor, la aclamación, el gesto de saludo. El pueblo orensano ha confirmado de una manera que no deja lugar a dudas su fe en el caudillo y su adhesión en bloque y sin fisuras como lo había hecho veinticinco años atrás, cuando la provincia vació su juventud en los frentes de combate y sus provisiones por todos los pueblos recuperados de la miseria marxista" (111).

   A construcción do pantano de Prada así como a proxectada viaxe de Franco para continuar por Valdeorras ata o encoro de Penarrubia permitiu rematar, cincuenta anos despois do seu comenzo, a estrada que unía o concello da Veiga co do Barco. Esta obra era unha vella arela comarcal dende a realización da estrada de Ourense a Ponferrada que posibilitou a construción da ponte de San Fernando.

   A estrada proxectárana xa a finais do século XIX e comenzaron a executar o primeiro tramo, duns seis quilómetros ata a aldea de Santiagoso, en 1907. Continuaron os lentos traballos ata o ano 1917 en que chegaron ao Alto da Portela, lindeiro dos dous municipios. O Barco e a Veiga. Posteriormente  na dictadura de Primo de Rivera impulsouse o estudo do trazado do treito que quedaba...........

------------------------------------------------------------------------------------

(108) Explica que foi Julián  Trincado Settier (1921-2000) que posteriormente foi Director Xeral de Fenosa.

(109) Explica que Endesa dispoña dese pantano e escribe as características.

(110) É o caso do barquense  Leopoldo Fernández, que logo do rexistro efectuado na súa casa foi apercibido de exerceren medidas gubernativas contra el  por atopárenlle unhas escopetas  de madeira que fabricara  como enredos para os seus dous fillos.

(111)  La Región 16 de setembro de 1961.

Vovel a la página "O encoro do Umia" Saír